13 Xuño / Mos (Pontevedra)

- Este evento pasou.
Juan Magán na Festa da Rosa
13 Xuño / 22:00

Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia suman un novo fito ás portas deste verán en Pontevedra: o concerto da estrela internacional Juan Magán na Festa da Rosa, no Pazo de Mos.
Recoñecida como Evento de Interese Turístico de Galicia pola súa tradición, relevancia e alcance, neste 2025 a Festa da Rosa de Mos celebrarase o venres 13 de xuño. É a festividade máis emblemática do Concello de Mos e coincide co día da patroa local, Santa Baia. A súa orixe remóntase ao ano 1973, cando naceu co obxectivo de poñer en valor a rosa de Quirós, hoxe símbolo de identidade colectiva local.
A Festa da Rosa combina tradición, cultura e participación popular. Como cada ano, contará cun concurso de ramos de rosas, a lectura do pregón, un concurso de empanadas de millo e múltiples obradoiros e actividades, ademais de actuacións culturais e musicais. O Pazo de Mos será, un ano máis, o epicentro da festa, achegando a súa singular conexión entre historia, patrimonio e celebración.
A estrela mundial do universo electrolatino, Juan Magán, será o prato forte do apartado musical, cunha actuación que comezará arredor das 22.00 horas. No seu concerto non faltarán himnos tan populares como Bailando por el mundo ou Te voy a esperar.
Con máis de dúas décadas de traxectoria ás súas costas, Juan Magán é todo un referente mundial na integración de sons e culturas diversas, así como un impulsor de novos talentos no panorama musical. Colaborou con artistas de éxito internacional como Shakira, Don Omar, Pitbull, Paulina Rubio, Enrique Iglesias ou Gente de Zona. Foi nomeado cinco veces aos Grammy Latinos e seis veces aos Billboard Latin Music Awards. Ademais, é un dos artistas españois con máis reproducións en plataformas dixitais a nivel mundial.