31 Maio / 20:00 / A Estrada (Pontevedra)

- Este evento pasou.
Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre + Su Garrido Pombo
31 Maio / 20:00

O ciclo de concertos Orballo Cultural terá unha parada na Estrada o sábado 31 de maio coas actuacións de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Su Garrido Pombo. Ambos actuarán na Praza do Concello a partires das 20.00 horas nun evento con entrada gratuíta.
O recoñecido artista galego Xabier Díaz, referente da música de raíz contemporánea, ofrecerá un concerto cheo de emoción, recordo e conexión coa terra. A súa voz, acompañada de ritmos ancestrais e unha coidada posta en escena, fará vibrar a localidade nun espectáculo que resalta o patrimonio musical galego con sensibilidade e modernidade. Será unha viaxe a través da nosa música tradicional reinterpretada desde o presente, nun encontro que promete conmover e celebrar a identidade. Non perdas esta cita coa alma sonora de Galicia.
Orballo Cultural convida a redescubrir Galicia a través da música, a cultura, a gastronomía, a artesanía, a paisaxe e a sustentabilidade. Este ciclo de concertos pon en valor artistas e bandas galegas, promovendo o patrimonio local e reactivando a economía en recunchos singulares da rexión.
Cunha grande acollida tanto entre residentes como visitantes, Orballo Cultural consolídase un ano máis como unha cita cultural destacada do verán galego, que neste 2025 terá lugar entre maio e setembro na Estrada, Tomiño, O Porriño, Ribadavia, Muxía, Noia, Ferrol e Sanxenxo, con entradas de balde. Entre os artistas confirmados están Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Su Garrido Pombo, Herdeiros da Crus e The Limboos.
Máis que un festival ou un ciclo de concertos, Orballo Cultural é un punto de encontro interxeracional que conecta ao público coas tradicións galegas, promovendo a identidade cultural e o desenvolvemento local a través da música, a gastronomía e a artesanía.