6 Agosto – 11 Outubro / Sanxenxo, Ribadavia, Cervo, Sober e A Rúa
Óscar Ibáñez & Tribo


O gaiteiro e frautista Óscar Ibáñez presenta en 2026 ‘Camiño Atlántico’, un novo espectáculo creado co gallo do Xacobeo 2027 que afonda nas conexións musicais entre Galicia e as culturas atlánticas. Cunha traxectoria artística de máis de dúas décadas e unha proposta que o propio artista define como música atlántica, Ibáñez constrúe un directo enérxico no que as raíces galegas dialogan con diferentes tradicións europeas e americanas.
Óscar Ibáñez & Tribo reúne no escenario a músicos de recoñecida traxectoria na escena folk, con André Labraña ao acordeón, Harry ao violín, Xosé Liz ao bouzouki, Paco Dicenta ao baixo, Leandro Deltell á batería e percusión, Teresa Gómez á zanfona e Carla Villanueva ao xilófono, xunto cos gaiteiros da Banda de Gaitas Suevia. A proposta mestura xéneros e influencias para crear un espectáculo de marcado carácter contemporáneo, no que a tradición se encontra coa innovación, a imaxinación e a creatividade.
No marco dos Concertos do Xacobeo, ‘Camiño Atlántico’ percorrerá diferentes localidades galegas cunha xira que comezará o 6 de agosto en Sanxenxo e continuará o 28 de agosto en Ribadavia, o 29 de agosto en Cervo, o 19 de setembro en Sober e o 10 de outubro na Rúa. Un percorrido por Galicia para celebrar, a través da música, as conexións culturais que unen os territorios do Atlántico.

