Skip to main content
Cargando eventos

« Programación

  • Este evento pasou.

Heredeiros da Crus

18 Agosto, 2022 / 22:00

De balde

18 Agosto / 22:00 / A Coruña / De balde

Nados en Ribeira (A Coruña) no 1992, o seu primeiro disco, A Cuadrilla de Pepa a Loba, editado en 1994, marcou un antes e un despois na historia do rock galego. Coas súas letras descaradas, as súas guitarras poderosas e unha actitude tan irreverente como divertida revolucionaron a escena musical do momento, con éxitos que aínda hoxe permanecen na memoria colectiva, como Quero josar, Que jallo é! ou a súa versión de My Sharona (Vaiche boa).

No 1996 publican o seu segundo traballo, Está que te cajas!!, mentres que en 1997 lanzan o EP Criatura e o longo Des Minutos. Dous anos despois, no 1999, publican Erecsiones Munisipales. O grupo está no máis alto, xira internacionalmente e, ao máis puro estilo mainstream, grava un directo dobre,  All Right Chicago (Rock ‘ N’  Roll) (2000) e un CD+DVD,  Chicarrón (2004).

Tras separarse no 2005, a banda regresa no 2012 polo seu 20º aniversario para deleite dos fans, cunha xira que ten como resultado a publicación do DVD gravado ao vivo Heredeiros da Crus 20 Aniversario. Un ano despois, en 2013, confirman que van en serio co lanzamento dun novo disco de estudo tras dez anos de silencio:  Jard Rock Con Fe.

No 2015 editan un novo single, Buscando a SuperFama, e realizan un videoclip do corte, a cargo de Olga Osorio, que acada o premio ao mellor videoclip nos Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual 2016 e co premio do xurado ao Mellor Videoclip no XIII Festival de Cans. No 2018, Antonio Díaz Ageitos publica Heredeiros da Crus. Cuadrilla de Pepa a Loba, a biografía oficial da banda.

Rock e diversión van sempre da man con Heredeiros da Crus. As súas influencias beben de bandas como Siniestro Total, The Stooges ou Kiss, pero eles dotan ás súas composicións dun alto nivel de costumismo e realidade social made in Galicia. Con Heredeiros en escena, todo é posible: improvisacións, colaboracións co público, stripteases… Na actualidade, compoñen a troupe Antón Axeitos (guitarra), Antonio Novo (guitarra), Francisco Velo (baixo), Javier Vázquez Maneiro (voz) e Manu Rey (batería).

Este mes de agosto, Heredeiros regresa á Coruña coa súa Xira 30 Aniversario, como un dos pratos fortes das Festas de María Pita, no marco da programación de Concertos do Xacobeo.

Detalles

Data:
18 Agosto, 2022
Hora:
22:00 – 23:59
Custe:
De balde
Categoría do Evento:

Protagonista

Heredeiros da Crus

Recinto

Plaza Pablo Iglesias
Praza Pablo Iglesias A Coruña 15009 Spain + Google Map