Skip to main content
Cargando eventos

« Programación

  • Este evento pasou.

De Vacas + A Banda da Loba + Andrés Balado + Susana Seivane

2 Setembro, 2022 / 19:00

15€

2 Setembro / 20:30 / Muxía (A Coruña) / Desde 15€

Son catro vacas. Catro vacas que rin e cantan. Presentan un espectáculo fresco como a auga dos arroios. Gozan encima do escenario para o desfrute do público.

Mestura de voces e guitarra, harmonías que estimulan os sentidos. Cantan en todos os idiomas do mundo, pero aman os nosos poetas por encima de todo.

Rescatan refráns esquecidos, tarareos que foron populares nas voces de Christina Aguilera ou Mónica Naranjo. Foron espectáculo musical recomendado na Rede Española de Teatros e Auditorios nos anos 2019, 2020 e 2022.

A Banda da Loba é unha das formacións máis consolidadas do panorama musical galego. Coa poesía e a música por bandeira, ofrécennos composicións propias con letras súas ou inspiradas nos poemarios de escritores e escritoras clásicos ou contemporáneos, nas que tratan temas importantes para elas como a diversidade, o ecoloxismo, a memoria histórica ou o feminismo.

En decembro de 2017 saíu á rúa o seu primeiro traballo discográfico, «Bailando as rúas», co que irromperon con grande éxito, dando máis de setenta concertos en ano e medio, dentro e fóra de Galicia, e colaborando con artistas como Guadi Galego e Tanxugueiras.

A finais de 2019 presentaron o seu segundo traballo, «Fábrica de luz», co que foron finalistas nos Premios MIN na categoría de mellor disco en lingua galega.

En 2021 estrearon «Hasme ouvir», un EP dedicado a Xela Arias. Isto lévaas a non parar de tocar, sendo un dos grupos galegos que máis escenarios pisa ao longo do ano.

En abril de 2022 presentaron o seu nuevo disco, «Xabón Lagarta», co que comezaron a xirar no mes de maio.

Tras dous anos desde o seu paso pola Voz, na que namorou a media España coa súa voz rachada, e onde foi bautizado como o «Bruce Springsteen galego», neste 2022, Andrés Balado arrinca a xira de presentación do seu primeiro EP «Entrelazados».

Unha xira que o levará polas principais cidades de España, acompañado dunha banda de 8 músicos, que poñerán en escena un directo demoledor, ao máis puro estilo deses clásicos dos que bebe este traballo.

E nun mercado musical onde reina a superficialidade, o consumo rápido e os produtos efémeros, Andrés Balado perfílase como unha das revelacións musicais do ano e ábrenos unha xanela a un tempo no que a música, como a choiva na súa Galicia natal, era arte.

Susana Seivane, naceu en Barcelona no seo da familia Seivane, un dos apelidos con máis prestixio dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas de Galicia.

Comezou a súa andaina musical aos 3 anos de idade da man do seu pai Álvaro Seivane.

Xa en Galicia, entra en contacto con recoñecidos mestres gaiteiros, que influenciarían enormemente a súa maneira de entender e interpretar a música tradicional galega.

Non tardou en gañarse a admiración e o respecto do mundo da gaita en Galicia, comezando aos 10 anos a dar concertos por todos os recunchos do país. Aos 20 anos toma contacto cos escenarios da man do grupo Milladoiro como artista convidada.

A partir dese momento comeza a súa carreira como solista creando un estilo xenuíno que, lonxe de perder de vista o aire dos antigos gaiteiros, ábreo ás influencias doutras músicas, cun enfoque fresco e orixinal.

Alí estás, sentada nos confíns do mundo, no máis alto dun cantil de afiadas rochas sobre as que o mar arremete sen cesar. Pechas os ollos. A música soa e mestúrase maxicamente co bater das ondas. Unha leve brisa baña a túa cara. Ergues a ollada e, na inmensidade do océano, o sol tingue de vermello o ceo para agocharse tras o horizonte… Entón, nese preciso e fermoso instante, cae a noite, a luz do faro ilumina o Atlántico e decátaste de que estás no único lugar onde queres estar, en Galicia, gozando dun concerto incomparable, na fin do mundo.

Concertos na Fin do Mundo é unha experiencia máxica, enmarcada na programación musical do Xacobeo 21-22, que ten lugar nalgún dos máis fermosos e impresionantes recunchos da costa galega. Un ciclo de concertos íntimos con capacidade moi limitada e unhas propostas artísticas preparadas para a ocasión que permitirán ao público gozar de actuacións irrepetibles. Concertos na Fin do Mundo fusiona patrimonio, paisaxe, cultura e música, para ofrecer unha experiencia única para os cinco sentidos.

Detalles

Data:
2 Setembro, 2022
Hora:
19:00 – 23:30
Custe:
15€
Categoría do Evento:
Ciclo:
Compra de entradas

Recinto

Faro Punta da Barca, Muxía
A Coruña 15125 Spain + Google Map