16 Novembro / 19:00 / Vigo (Pontevedra)

Al Di Meola
16 Novembro / 19:00

O lendario guitarrista norteamericano Al Di Meola únese ao Gozo Fest 2025 e actuará o 16 de novembro no Teatro Afundación de Vigo da man dos Concertos do Xacobeo.
Al Di Meola é un dos grandes guitarristas do noso tempo, cun currículo ao alcance de poucos, e este outono chegará a Galicia para un concerto moi especial.
A súa exitosa traxectoria abarca xa máis de catro décadas, nas que o músico norteamericano acumula, entre outros logros, catro discos de ouro, dous de platino e máis de seis millóns de discos vendidos en todo o mundo.
A lista de recoñecementos que recibiu ao longo dos anos tamén é extensa: entre outros, un Doutoramento Honoris Causa do prestixioso Berklee College of Music, o Premio Honorífico Miles Davis outorgado polo Festival de Jazz de Montreal, un Premio á Traxectoria da BBC outorgado por Sir George Martin en 2008 ou numerosas nomeacións e premios Grammy.
Di Meola é un auténtico xenio da guitarra e un prolífico compositor, con máis de 30 álbums como líder, ademais de moitos outros nos que participou, con figuras como o ‘supergrupo’ de fusión Return to Forever (con Chick Corea, Stanley Clarke e Lenny White), o célebre Guitar Trio (con John McLaughlin e o seu admirado Paco de Lucía), ou o trío Rite of Strings (con o baixista Clarke e o violinista Jean-Luc Ponty).
O músico de New Jersey tamén colaborou con artistas como Luciano Pavarotti; estrelas do pop como Paul Simon, Stevie Wonder ou Phil Collins; referentes do rock como Jimmy Page, Steve Vai, Carlos Santana ou Frank Zappa; ou grandes músicos de jazz como Herbie Hancock ou Les Paul.
Pioneiro na fusión de músicas do mundo e o jazz, Di Meola explorou ao longo da súa carreira a rica influencia do flamenco, o tango, a música de Oriente Medio, a música brasileira ou a africana. Aínda que a súa rechamante técnica tanto coa guitarra acústica como coa eléctrica fixérono un dos grandes para as hordas de fanáticos das seis cordas que regularmente acoden aos seus concertos, a profundidade da súa escritura, xunto coa emotividade e o lirismo da súa expresión guitarrística, fixérono gañar numerosos fans en todo o mundo, máis aló do ámbito dos afeccionados á guitarra.
Unha das citas máis destacadas no calendario anual dos Concertos do Xacobeo é o Gozo Festival, que neste 2025 achega a Galicia figuras internacionais de renome como Lenny Kravitz (nun concerto no que contará con Estrella Morente como artista convidada), David Guetta, Alanis Morissette, Maná ou Lionel Richie, ademais de novos nomes que pouco a pouco seguirán a anunciarse.
Neste 2025, o Gozo Festival consolídase co apoio da Xunta de Galicia para celebrar a súa terceira edición coa singularidade artística como estandarte, con estrelas mundiais de estilos musicais ricos e plurais, para o goce dos públicos máis diversos, ofertando oportunidades únicas de ver na nosa terra, en exclusiva, xiras mundiais de renome.
Outra das súas singularidades do Gozo Festival é que se trata dun evento espallado no tempo, con concertos que se dosifican ao longo de todo o ano, que axuda a desestacionalizar o turismo e que xera un impacto económico moi salientable e positivo, promovendo o emprego e gasto nas cidades que o acollen.